miércoles, 13 de enero de 2010

Infográfico de Público. INFO2009

Chega un novo ano e como sempre os xornalistas fan reconto do sucedido o ano anterior. Listas e listas dos mellores discos, as mellores películas ou as mellores fotos. As novas máis impactantes ou os acontecementos máis importantes. Esta vez toca saber cal é o tema do que máis se falou na versión impresa do diario Público, que nun infográfico quixo recoller cal era a nova que máis centímetros cadrados acaparara no xornal. Para iso deseñaron un infográfico que se ben non chama a atención pola súa información, si polo seu tamaño.
Público é un xornal que se caracteriza polo seu deseño moderno e coidado. É habitual ver entre as súas páxinas infográficos atraentes e visuais, que xogan coa cor e as imaxes. Todo o diario, en liñas xerais, pretende ter unha estética atractiva poñéndolle especial atención ao deseño.
O infográfico a analizar é un infográfico a dúas páxinas que pretende mostrar dunha maneira rápida e visual cal é a sección e o tema que máis páxinas ocupou dentro do diario. Para realizalo os responsables de cada sección do diario seleccionaron os cinco temas de maior relevancia do ano da súa sección. Posteriormente contabilizaron o número de superficie dedicada a cada tema, que é mostrado nunha especie de liña temporal. Dividida en meses podemos observar nela, que tema é o que máis superficie ocupou e en que momento do ano. Nas marxes móstrasenos o tema e o reconto total de superficie acumulada por cada nova en cm².
O contido do infográfico é descritivo, xa que nos informa sobre a cantidade de centímetros cúbicos acumulados por cada noticia ao longo do ano.
É un infográfico independente, xa que é en si mesmo a noticia. Ten unha función informativa, pero semella máis ben que o infográfico ten unha prioridade estética máis que informativa, xa que os datos son secundiarios fronte o deseño e o tamaño. Obriga ao usuario a facer un esforzo visual para poder entender o que o gráfico nos quere dicir xa que temos que deternos en cada aspecto do infográfico para poder comprendelo por completo, e os resultados non son en absoluto claros. As cifras situadas á dereita son demasiado pequenas, e son elas quen nos amosan realmente a cantidade exacta e final adicada a cada tema, e polo tanto, a nova que máis páxinas acaparou do diario.
Semella nunha primeira ollada ao infográfico que existe demasiada información para un espazo que non é en absoluto reducido, xa que duplica o espazo que soen ter os infográficos a maior parte das veces.
Non é nin exacto, nin facilmente comprensible, nin efectivo. Si, impactante, innovador e conciso, pero esas, dende a miña opinión, non deberían ser as únicas propiedades dun infográfico. Un deseño visualmente atraente é importante. Pero se non logra transmitir a información de xeito eficaz entón o infográfico será un fracaso.
O uso dá tipografía, por outra banda si que me parece máis acertado. A letra empregada é clara e limpa, de fácil lectura.
A estrutura é eficaz xa que separa de xeito claro as diferentes seccións sen dar lugar a ningún tipo de dúbidas. O erro vén quizais non emprego da curva que reflicte o espazo ocupado por cada sección, que moitas veces sobreponse á curva superior. Esta mistura de ambas curvas dá lugar a confusión e obriga ao lector a facer un esforzo demasiado grande ao ter que deterse para saber que curva corresponde a que acontecemento.
Atopei a version multimedia deste infográfico. Moito máis clara, precisa e eficaz que a súa versión impresa. Este é o enlace

Clara Sánchez

No hay comentarios:

Publicar un comentario